sábado, 6 de agosto de 2016

Os poetas da Terra Chá


¡Non foi a Chaira cantada
por Noriega, gran brañego!
¡Cantouna como unha amada
Xosé Crecente, o bon crego!

Aquilino Iglesia Alvariño,
o brañego de Abadín,
tomoulle á Chaira cariño,
cantou á Chaira sen fin.

E Xosé María Díaz Castro,
profunda voz de Os Vilares:
¡suco, semente, alto mastro,
esencia e flor de ensoñares!

Xesús Rábade: cantor
de verba clara e sinxela,
abrindo canles de amor
de Seixas a Compostela.

Meu afillado, o Darío,
ten voz de carballo e vento.
¡Que canto rexo e esguío
con raíz no sentemento!


Margarita Ledo Andión,
facho de luz no escuro,
recendo a seiva e torrón,
camiño cara o futuro...

Miguel Anxo Fernán Vello,
cedro lanzal de A do Monte:
¡é nidio como un espello
e puro como unha fonte!

¡E tantos poetas ignorados
que só pró vento cantaron!
¡Os seus versos namorados
nas ás da brisa, voaron!

¡O Grilo! ¡Manuel Chiquito!
¡Pepe da Costa, o trotón!
¡Paderna...! ¡No meu esprito
latexa a vosa canción...!

Terra Chá (1954)



Ningún comentario:

Publicar un comentario