Manuel María era asistente habitual ao
Festival de Pardiñas, dende as súas primeiras edicións, e
participaba nel activamente de moitas maneiras: facía a entrega de
premios do certame de narración e de debuxo, presentou alí obras
como Saturno e deu o pregón correspondente á VI edición. El
e Saleta, ao igual que outras personaxes relevantes da cultura e das
letras galegas, integrábanse nas tradicionais merendas que teñen
lugar o domingo, segundo día do festival.
A súa amizade con Alfonso Blanco Torrado
favoreceu múltiples colaboracións coa asociación cultural
Xermolos, que se fixo cargo da edición de obra súas como Panxoliñas
(1992), Novena á Santa Isabel (1995) ou Elexías á miña
vida pequeniña (2004). Esta asociación tamén promoveu a
publicación de diversos estudos sobre a obra do autor chairego,
algunhas delas da autoría de Camilo Gómez Torres (A Terra Chá
na Poesíade Manuel María, 2003; Bibliografía de Manuel
María, 2004) e outras de feitura colectiva, como Manuel María
(2001).
O poeta de Outeiro de Rei, nun artigo publicado
en A Nosa Terra titulado “O poeta Díaz Castro e o outono”
(recollido en Andando a Terra, 1977-1987), deixaba testemuño
da súa presenza nunha cita cultural promovida por Xermolos, coa
intervención nela do poeta guitiricense por excelencia:
“[...] Díaz Castro vive en Madrid, dende hai
moitos anos. Polos vraus ven a Guitiriz. Non fai vida literaria. O
poeta pasa o tempo, calado e humilde, sin facer bruído. A súa vida
transcurre, como si dixéramos, en voz baixa.
Este vrau pasado, forzado por ese home fabuloso
que é Alfonso Blanco, Díaz Castro pronunciou o seu primeiro recital
poético en Guitiriz, patrocinado pola Agrupación Cultural Xermolos.
Asistimos a él. Foi unha ledicia. Unha verdadeira leición de
autenticidade. O pudor do poeta, a inseguridade e mesmo o
nerviosismo, déronlle unha dimensión humana a leitura dos seus
versos, que nos emocionou.
Despois do recital falamos co poeta e con
outros amigos de Guitiriz no Bar Gaibor [...]”
O XXXVII Festival de Pardiñas este ano recoñe
a figura de Manuel María, e a presenza hoxe de Mini e Mero cun
pregón musical é outra chiscadela de ollos ao poeta, que foi
musicado por eles en numerosas ocasións. A asistencia dos fieis do
festival e de Manuel María é obrigada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario