domingo, 2 de febreiro de 2020

Mensaxe aos emigrantes galegos


                                    Para Anisia e Xosé Neira Vilas, na Habana

Teño necesidade de escribirvos. Quero
que escoitedes os meus versos humildes
nacidos do amor e a carraxe, homes
e mulleres galegas, que estades lonxe
da patria, arredados do país natal;
que levades na alma, como un facho,
un cachón de luz co que alumades
a vosa dignidade, e unha brétema
escura feita de saudade e morriña.
Vós dixestes que non á pobreza,
á inxustiza. Co corazón esnaquizado
colléstedes o carniño de América
-o mar azul como a esperanza,
arrepiante o mesmo que a carraxepara
deixar o voso esforzo maduro
de vellos europeos, nesas terras
inmensas e inquedas, que arelan
forxar o seu destino humanamente.
Vós tripades os vieiros de Europa
-desandando o Camiño de Santiagoe
o voso sacrificio calado, o voso
labourar, fixo florecer economías,
soportes do espírito e da cultura.
Vós dixestes non aínda sen dicilo.
Estades a loitar como valentes; o voso
corpo está canso e magoado; tedes
unha saudade acesa, moura, queimando,
rillando, torturando a vosa alma.
Tedes unha patria, aló nun curruncho
da Iberia, rodeada de mares; habitada
de vello por lobos, cucos e raposos;
batida polas neves, choivas e xeadas,
ateigada de tebra. Os amos néganlle
a súa dignidade, o pan e máis o sal,
incluso o dereito de falarlle a Deus,
de queixarse a Deus na propia fala.

Remol (1970)

Ningún comentario:

Publicar un comentario