Hoxe tivo lugar na Capela de Santa María, en Lugo, a inauguración dunha "moi competente" -como día o Manuel- exposición sobre a oleiría de Bonxe. Un dos comisarios desta gran mostra da produción de cacharros desa parroquia de Outeiro de Rei (e doutras parroquias próximas), Orlando Viveiro, na súa breve e certeira intervención, citou este texto tan acaído de Manuel María:
Día Segundo. Oración.
Suplicamos a gracia da palabra. Desexamos ser
como unha ola de Bonxe, ateigada coa música máis nidia e máxica do
nonos idioma que nos sirve pra nombrar a terra, o amor, a rosa, o
soño, o traballo de cada día e o descanso de cada noite. Cando esa
ola, que somos nós, escache e os seus anacos volten á terra da que
está feita, que as palabras que contiña voen como paxaros e se
espallen, alegres chiadoras, por toda a tribo, levando un mensaxe de
paz e amor. E o recendo que deixen sexa unha melancolía pra
contrapoñer aos oubeos do odio, aos estarabouzos da carraxe e aos
estouridos do rencor. Amén.
Novena a Santa Isabel (1995)
Non deixedes de ir visitala!
Ningún comentario:
Publicar un comentario