365 días para Manuel María
domingo, 23 de febreiro de 2025
Lingua vital xa, sempre en Manuel María
venres, 8 de decembro de 2023
Utilidade d@s amantes
Cómpre coidar do único que é útil
neste estraño mundo embarullado:
o amor que a vida sementou
na terra escura de nós mesmos:
e facelo flor, árbore, paxaro,
froito comprido e xeneroso,
cotián costume.
A única tarefa,
o oficio máis perfecto e proveitoso,
a decisión máis urxente e precisa
é cultivar o amor,
procurar que non morra
a súa chama sutil e delicada,
única luz que nos aluma,
que ilumina
os retortos cantos do noso ser
até os facer humanos,
lúcidos,
habitábeis para sempre.
É doloroso o ir despíndose
da miseria que nos habita,
do egoísmo que nos posúe,
da tebra que nos cingue,
da carraxe e do ocio que nos ten
con cadeas de morte escravizados.
Soamente nos cumprimos no amor.
E unicamente o amor é verdade.
Cecais hai unha luz, 2010
domingo, 20 de agosto de 2023
Lonxanías
Os anos levan nos cornos
salgueiros de carne viva,
cereixeiras de ilusiós
mortas.
O vento afalaba ao gando
nas altas herbas molladas
con doces bicos de orballo
que recenden labrandío
na penumbra dunha ponla
que eu sinto no vento
morno
cando pronuncio o teu
nome.
Os ventos e os anos longos
que o tempo non esbravexa
fálanme sempre de ti
cal si falasen dun morto.
O nordés e o vento obrizo
sempre se achegan a min.
¡E o teu rodicio de
verbas
hai tempo xa non o oín!
mércores, 9 de agosto de 2023
Beleza e plenitude
Deixade que o voso corazón se abra
á beleza deste noso mundo
tan carnal, amigo e amoroso:
á luz clara e máxica dos días,
ao engado das noites,
á musica de toda a creación
e aos silencios pechados nos que
cada un de nós pode estar oíndo
o inquedante latexar de si mesmo
en harmonía con canto existe e estivo,
algunha vez, no ser das cousas.
Amade sempre á terra nosa nai
e cada vez seredes máis humanos
e cecais poderemos comprender
que só o amor nos leva ao éxtase:
único xeito de unión
coa plenitude total do universo.
sábado, 8 de abril de 2023
A palabra
Nós,
de verdade, unicamente temos
a
palabra. Só a palabra verdadeira
pode
traducir a pechada
e
insondable soidade do noso ser.
Só a
palabra, a propia,
a que
pertence á nosa lingua.
A que
amamos. A que usa,
coñece
e recoñece a nosa xente.
Sen a
palabra sería a pobreza,
a
miseria total, a impotencia
a
escuridade e o non ser.
Mais
hai quen manipula, forza,
retorce,
desfai e prostitúe
o
auténtico senso da palabra.
Hai
quen minte. E aínda hai
o
frío, feroz asasino da palabra.
venres, 23 de setembro de 2022
Raiceiras
Lembro con gran garimo ós meus avós
Antonia, Manuel e máis Consuelo
Manuel e Antonia eran os de Outeiro.
A miña aboa Consuelo A Quiroguesa,
a nai de miña nai, de verba acesa,
tiña un falar fermoso e cantareiro.
Foi, miña avoa Antonia, espello fiel
da camelia, da rosa, da azucena,
da xenerosidade e da enteireza...
Cando ela faleceu, o avó Manuel
entroulle tal dolor, tan grande pena
que morreu de saudade e de tristeza.
Sonetos á Casa de Hortas, 1997
sábado, 10 de setembro de 2022
Degaro
Quero,
pra alumarme, a tua sorrisa:
esa
luz maina e tépeda
que
me agarima como veludo o corazón.
Xa
ves, amiga miña: eu estou só
e
na noite escentilan as estrelas.
E
os meus soños percuran os teus soños.
Teño
un sabor a fel na miña língoa
namentras
non escoito as tuas palabras
que
caen en mín como unha choiva tépeda.
Esquence,
amante, a tua soidade.
Date
a mín
que
eu te cinguirei como unha hedra.
Sinto
agallopar por min salvaxes poltros:
é
a miña vida madura esligando
por
agarimarte toda como un vento.
Recorre
a miña alma enteiramente
e
que os teus beizos
me
veñan xa matar esta impaciencia.
Entre a arxila e a luz (1957)
In memoriam para quen o inspirou, Saleta.