sábado, 31 de outubro de 2015

Son semente na terra

Nun día coma hoxe, acae esta composición do Manuel:

Os defuntiños

Os defuntiños son terra unicamente
e lembranza, sombra dunha voz ouvida,
cinza da fogueira na que ardeu
o amor, o odio e a carraxe,
fino instrumento pulsado pola vida,
pedra furada pola dor,
ollos que a luz agarimou,
beizos con sede e fame
e non unicamente de auga e pan.
Os defuntiños, calados irmaos noos,
rematan por ser só unha cousa:
terra usada pola terra
para sementar a vida novamente.

Versos do lume e do vagalume (1982)

venres, 30 de outubro de 2015

A sede de palabras

Égloga da fonte da Pinguela

Vena manantial na laxe dura:
dás á luz a túa auga pura, casta
e cristalina como eu dou estas
palabras imprecisas, toscas
e sen gracia, empurradas por
un escuro fado que nos obriga
a cantar sen saber o por qué
nin o para qué. Unicamente sei
que a túa auga endexamais poderá
matar a miña sede. E que as miñas
palabras, tan pobres e gastadas,
nunca desvelarán o seu misterio
e son impotentes para explicar
a túa nidia e perfecta claridade.

As lúcidas lúas do Outono (1988)

xoves, 29 de outubro de 2015

Mensaxe aos/ás cantautor@s de hoxe

Voz do pobo, nacida na fonte
leda e cantareira do teu sangue,
que se fai luz no corazón
e no ar faise amor que chega a todos,
amor comunicado, compartido,
claridade que ilumina a nosa vida,
que pón en nós a esperanza
despois de tanta noite,
de tanta tebra mesta,
de tanto deserto
e tanto medo.
Voz propia, coñecida e amada,
con recendo e quentura de lar,
traballada pola dor e a carraxe,
aberta cara a verdade e a esperanza [...]
Queda en nós a túa voz
cravada no corazón como un coitelo,
no fondo da intimidade sementada
feita xa sangue noso,
clara e cantareira como un río,
eterna e rumososa como o mar.
Voz do pobo. Voz túa e miña.
Voz de ninguén e voz de todos.

Remol (1970)

mércores, 28 de outubro de 2015

Entrega

Andei a esculcar, ano tras ano,
con atento e delicado ouvido,
a voz de cada ser ou cada cousa:
o cintilante sorriso do orballo,
a sinfonía do día baixo a luz,
a palabra sacramental dos ríos,
a cifrada mensaxe das estrelas,
os latexos da noite,
o sutil pestanexar da rosa,
o rumor das nubes camiñantes,
o doce fluír do noso sangue,
a animación de todo o inanimado.
E podo afirmar coa boca chea:
paisaxes, cousas e animais
falan galego.
                      Só en galego
se pode comprender e posuír
en total plenitude esta terra.

Oráculos para cavaliños  do demo (1986)

martes, 27 de outubro de 2015

Queda dito

Carné de identidade

Eu son Manuel María.
Nacín no 29, o 6 de Outono,
en Outeiro de Rei da Terra Chá.
Son dunha caste rexa de labregos
fieles á súa terra e ao seu Deus.

Agora son un namorado.

Eu son Manuel María.
Cantor da Terra Chá que algunhos din.
Cantor da terra chá que leva un
clavada nas entrañas, penso eu.

Eu son Manuel María,
labrego con algo de poeta.
Por eso gardo as albas
no fondo dos meus ollos
e ando de vagar o meu camiño,
e pídolles ás cousas a súa tenrura
e aos homes pídolles verdade.

Non teño máis tarefa:
son unha humilde folla que salaia
na noite escura movida polo vento.
Eu son Manuel María,
eu son tan só, lonxano e feble.

Documentos persoais (1958)

luns, 26 de outubro de 2015

A luz da palabra

 Non sabemos se primeiro foi
a luz ou a palabra,
a palabra da luz,
a luz da palabra,
a palabra sen luz,
a luz sen a palabra.
Mais a palabra ten luz
e pode, quizais, acontecer
que a luz non ten palabra.

Os lonxes do solpor (2012)

domingo, 25 de outubro de 2015

Sempre a incertidume mortal

¿Onde está a morte? ¿Qué sentido ten?
Nada sei: estou chamando
a unha porta que só cando morra
poderei abrir. Morte e nacemento
determinan eso tan escuro
que chamamos a vida para entendernos.
Nacer non causa dor nin arrepío:
é abrir os ollos cara á luz do día
sen decatarnos de que
somos argumento do milagre.
A morte é un sopro que, dun golpe,
apaga a luz do existir.
¿Serán morte e non ser a pura nada?

Camiños de luz e sombra (2000)