xoves, 7 de xullo de 2016

Sen consentimento

[...] Hai que dicir sempre que non, non
e non a tanto tópico que afoga,
que nos impide respirar.
Un sinte noxo e cavila tristeiro
que só con sentimentos e saudades
-por moi metafísicas que sexan-
non es pode chegar a ningún lado.
Un sinte noxo e dor. E quérese ir.
Pero... ¿para onde camiñar
se están todos os camiños atrancados
e pechadas todas as saídas?

Proba documental (1968)

mércores, 6 de xullo de 2016

Salmo da miña consumación amarga

Aquí estou desafiándovos co meu gume
de coitelo inspirado.
Vós non tedes alma
nin é para vós este canto.
A miña furia non é o mar apacíbel
-ao que odio:-
é un inferno rebelde
no que se amansan todas as inxustizas.
Non ofrendo a ninguén o meu destino
nin pido agarimos brutais
e nin tan sequera intentei ollar
o sangue fermoso dun galo xoven.
A miña vida é unha locomotora
que vai a toda velocidade
asoballando o meu pobre corazón
de barro quente.
O meu ocio non é unha ferocidade
de morna dor encadeada
nin unha aventura da miña conciencia
cativa e dura.
Se escrebo estes poemas
é para poder librarme
deste odio fatal que levo dentro
como unha maldición de Deus omnipotente.
Quixera escribir nun penedo
a miña desesperación de león furioso
para que as campanas
non choren sobor do meu sangue irto
derramado nun inútil sacrificio.

Morrendo a cada intre (1952)


martes, 5 de xullo de 2016

Sabedoría

[...] Un nunca sabe con exactitude onde está situado
e mentiría se dixera que pensa que unha nube
é capaz de provocar a guerra fría,
que unha andoriña precisa pasaporte
ou que o color azul-tenrura é o causante
das epidemias gripais da Polinesia.

Un sabe, nembargantes, que no seu sangue
neavegan aínda moitas paisaxes que están mortas,
que se oi o rumor de moitos homes que non son,
que un trae na lembranza a memoria
dos seus antergos que inventaron o lume,
que domesticaron o can, a vaca e o cabalo,
que araron a terra e recolleron os seus froitos,
que subiron ás estadas para erguer casas,
que morreron nas guerras
e foron luíndo o idioma que agora uso [...]

Informe para axudar a alcender unha cerilla (1973)

luns, 4 de xullo de 2016

A festa

A Santa Isabel, miña amiga, irei.
A Santa Isabel de Outeiro de Rei.
      Está meu camiño
      xunto ao río Miño.

Como un caravel de certo color
a Santa Isabel irá o meu amor.
     Está meu camiño
     xunto ao río Miño.

As verba de dor voltáranse mel
na alta alegría da Santa Isabel.
    Está meu camiño
    xunto ao río Miño.

Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982)

domingo, 3 de xullo de 2016

Somos mar

O poeta da chaira era un home de terra, en moitos sentidos, mais por iso non deixaba de ver o mar como un dos fundamentos do pobo galego:

O mar

Nós somos mar. Estamos rodeados,
cinguidos polo mar. As nubes
teñen a mesma cor das ondas
e resulta difícil distinguir
a onda da nube e da gaivota.
O mar chega ao corazón da terra
para escoitar o sue latexo escuro
e poderoso. O mar, o mar penetra,
fura a terra con toda a súa
forza natural, vital e varonil
para facela fecunda e florecida.
Estamos na ribeira. E gardamos,
no máis secreto lugar do noso ser,
todas as imaxinadas lonxanías,
o degaro de irnos e quedar,
a voz escura e rouca das mareas,
un saibo a sal nos beizos murchos
e a sede mortal que ninguén mata.
No mar os sucos chámanse ronseis
e nós levamos século tras século
arando no mar teimosamente.

Versos do lume e do vagalume (1982)

sábado, 2 de xullo de 2016

A Santa Isabel de Outeiro de Rei

Nun día coma hoxe, non podía ser outra a escolla: o día grande da festa de Outeiro, a preferida de Manuel María. Tribo, vémonos na merenda, coma todos os anos!

Señora Santa Isabel
estás á beira do Miño.
¡Con doce verba de mel
heiche dicir meu cariño!

¡Tés derriba ceo azul,
onda miñotas ao pé,
a ribeira de Martul
e as ondas da miña fe!

¡Que romería belida
a túa romaxe, na sega!
¡A túa sona ben cumprida
a moitos lugares chega!

Señora Santa Isabel,
dona de Outeiro de Rei.
¡Sempre che fun moi fiel!
¡E sempre fiel che serei!

O teu amor, miña raíña,
é como escuma e medrou.
¡Foi miña nai, ai santiña,
quen teu amor me amosou!

Terra Chá (1954)


venres, 1 de xullo de 2016

Verbas ao mar

Esta tarde están baixas as nubes
e é a cor do mar como a da cinza.

Os berros salvaxes das gaivotas
semellan coiteladas
que fan escoar o corazón da tarde.

Hai quen trabuca doadamente
a mensura do mar coa inmensidade.

Eu de min só sei dicir
que o mar comeza no meu sangue.
O que non sei
é se o mar caberá na miña alma.

Mar Maior (1963)