mércores, 6 de xullo de 2016

Salmo da miña consumación amarga

Aquí estou desafiándovos co meu gume
de coitelo inspirado.
Vós non tedes alma
nin é para vós este canto.
A miña furia non é o mar apacíbel
-ao que odio:-
é un inferno rebelde
no que se amansan todas as inxustizas.
Non ofrendo a ninguén o meu destino
nin pido agarimos brutais
e nin tan sequera intentei ollar
o sangue fermoso dun galo xoven.
A miña vida é unha locomotora
que vai a toda velocidade
asoballando o meu pobre corazón
de barro quente.
O meu ocio non é unha ferocidade
de morna dor encadeada
nin unha aventura da miña conciencia
cativa e dura.
Se escrebo estes poemas
é para poder librarme
deste odio fatal que levo dentro
como unha maldición de Deus omnipotente.
Quixera escribir nun penedo
a miña desesperación de león furioso
para que as campanas
non choren sobor do meu sangue irto
derramado nun inútil sacrificio.

Morrendo a cada intre (1952)


Ningún comentario:

Publicar un comentario