domingo, 31 de xullo de 2016

Orfandade da noite

Noutro tempo pasado e lexendario,
o lobo era un medo puro e frío,
un sagrado terror, un arrepío,
un escuro poder extraordinario.

A noite foi misterio e marmurío,
espacio desmedido e temerario,
angustioso camiño dun calvario
quebradizo e inseguro como un fío.

O lobo era un gran ollo vixiante,
esculcando no Val cunha mirada
minuciosa, silandeira e abafante.

A noite quedou triste, orfa, calada:
non ten pavura nin medo alucinante
pois a noite, sen lobo, non é nada.

Sonetos ao Val de Quiroga (1988)


Ningún comentario:

Publicar un comentario