mércores, 20 de xullo de 2016

A emigración

Para ver marchar aos emigrantes
(íanse case todos polo mar)
nos tempos de denantes
somentes se había que achegar
a un porto calisqueira:
había alí tantísimo xentío
que semellaba unha feita
de dor e de arrepío.
Cando saía un vapor
para calquer lado
ía carregado
de mágoas e de dor.
Os labregos galegos
ían como cegos
a ser gomitados
en Bos Aires, A Habana, Nova York
ou a ser desembarcados
noutros portos menos nomeados.
Agora non é como denantes:
os emigrantes
non can en vapores
prá América soñada:
venden os seus suores
e as súas dores
a Europa cultivada,
industrializada
e supercivilizada.
Ou vanse para Bilbao,
que queda máis a mao,
e tamén para Madrid e Barcelona,
cidades de primeira, de boa sona,
nas que hai barrios turbios,
suburbios,
arrabales
e mínimos xornales
para emigrantes normales.

Versos para cantar en feiras e romaxes (1969)

Ningún comentario:

Publicar un comentario