sábado, 30 de marzo de 2019

Señardosa cantiga da medorra grande


A gran medorra alí está, na soedade do monte,
amarrada ó pasado, vivindo o tempo de onte.
- Eu señardosa.
A gran medorra estaba ollando ó monte raso,
as luces dos solpores, os ouros do ocaso.
- Eu señardosa.
A gran medorra está, femenina e redonda,
cunha lembranza viva e unha tristura fonda.
- Eu señardosa.
A gran medorra estaba no seu soño febril
polo torques labrado, polo celta varil.
- Eu señardosa.
A gran medorra está, coas medorras cativas,
no silencio do monte, homildosas e altivas.
-Eu señardosa.
A gran medorra estaba, na gándara de Outeiro,
plantada de piñeiros, cuberta cun silveiro.
- Eu señardosa.

Escolma de poetas de Outeiro de Rei (1982), Manuel María

sábado, 23 de marzo de 2019

A Poesía do Manuel


Nesta xornada estivo Manuel Lourenzo na Casa-Museo recitando poemas (O vento nas brasas). Parece acaído lembrar o que pensaba o chairego da arte de compoñer versos:

Dáme frío e arrepío ollar esa xentiña
práctica, intelixente, explotadora,
colonizada desde os pés á cabeza,
ateigada de diñeiro e prexuízos
que despreza e odia a Poesía.
Cando atopo e contemplo a esas persoas
poño, na miña ollada, toda a tenrura
que posúo para aquecer tanta miseria,
pois sei que unha ollada pode voar
e comezar a cantar coma un paxaro.

Versos do lume e do vagalume (1982)

domingo, 24 de febreiro de 2019

A onde quer que eu vaia


A penas sei da luz. Xa non me lembro
do preciso alfabeto dos amañeceres.
Ando moi inseguro polas incertas
raiolas do luar. Sempre me perdo
no cintileo de estrelas e luceiros.
O resplandor brutal dos meridias
estivais agrédeme e aniquílame.
Amo, con fidelidade e intensidade,
os ouridourados solpores do Outono.
E gardo, no máis fondo de min,
para iluminarme e para alumarme,
o gris cinza que cega á miña tribo.

Oráculos para cavaliños  do demo (1986)

sábado, 2 de febreiro de 2019

A desfeita

37

Os tractores desfixeron e achaiaron
o campo das medorras. Ningún
deus se alporizou. Tampouco
se conmoveu un corazón. Non houbo
quen derramase unha piadosa bágoa.
Onde estaban as medorras agora
medran os piñeiros. O seu fungar
é un conmovido pranto funeral
que nos di: "Nós vivimos
no po do po dos defuntiños.
Non hai morte.
Só a resurrección é a verdade."

Ritual para unha tribo capital de concello (1986)

sábado, 15 de decembro de 2018

Cultivar soños melancólicos

No Club de Lectura da Casa-Museo de Manuel María, hoxe unha das lectoras recitou, entre outros versos do autor de Outeiro, este poema que serviu de peche á sesión na que comentamos Ardalén, de Miguelanxo Prado. Se tivestes o pracer de ler esa novela gráfica, decatarédesvos do ben que encaixan estas verbas coa historia que conta. Se non o lestes, non esperedes máis para facelo!

Pastoral

Non hai ningún oficio tan fermoso
como o de pastorear as palabras,
abrir o sentimento cara
a flor dos días máis felices
que recenden a liño fresco,
a mazá reineta e a nostalxia.
Uso os meus outonos, mentres
vou pouco a pouco envellecendo,
en cultivar soños melancólicos,
revivir paisaxes coñecidas
e alumarme por dentro: iluminarme 
co resplandor da luz que máis amei.
            
A luz resucitada (1984)

martes, 11 de decembro de 2018

Ser unha ola de palabras


Hoxe tivo lugar na Capela de Santa María, en Lugo, a inauguración dunha "moi competente" -como día o Manuel- exposición sobre a oleiría de Bonxe. Un dos comisarios desta gran mostra da produción de cacharros desa parroquia de Outeiro de Rei (e doutras parroquias próximas), Orlando Viveiro, na súa breve e certeira intervención, citou este texto tan acaído de Manuel María:

Día Segundo. Oración.
Suplicamos a gracia da palabra. Desexamos ser como unha ola de Bonxe, ateigada coa música máis nidia e máxica do nonos idioma que nos sirve pra nombrar a terra, o amor, a rosa, o soño, o traballo de cada día e o descanso de cada noite. Cando esa ola, que somos nós, escache e os seus anacos volten á terra da que está feita, que as palabras que contiña voen como paxaros e se espallen, alegres chiadoras, por toda a tribo, levando un mensaxe de paz e amor. E o recendo que deixen sexa unha melancolía pra contrapoñer aos oubeos do odio, aos estarabouzos da carraxe e aos estouridos do rencor. Amén.
          Novena a Santa Isabel (1995)


Non deixedes de ir visitala!

sábado, 6 de outubro de 2018

Co teatro nas mans

Hoxe conmemorouse a data de nacemento de Manuel María na Casa-Museo, como se vén facendo hai anos, pero esta vez coa novidade de facerse a presentación da edición da Obra teatral do autor, da man de Pilar García Negro. Como con isto xa está todo dito, só queda deixar aquí unha mostra dos versos co que o autor comeza unha das súas pezas, onde deixa ver ben a función social que ten o teatro: 

Presentador:
Miñas donas, cabaleiros,
vellos vedraios, meniños,
abades e militares:
os titiriteiros
non só queren diñeiros.
Queren matar os pesares
desta nobre concorrencia!
Pra todos é súa sabencia:
pró solteiro e pró casado,
pró que anda namorado,
prá viúva esconsolada,
pró que ten a vida andada,
pró neno que está a mamar;
pró mociño presumido
que se coida home comprido
porque comeza a fumar;
pró clérigo, pró paisano,
pró doente e máis pró sano,
pró paifoco, pró xentil
e máis pró garda civil.
Miñas donas, meus señores:
aquí pode suceder,
resultar e acontecer
que as mantas son cobertores!
Poñan, pois, moita atención
que xa comeza a función!

                                          Prólogo, Farsa de Burulú (1970)