luns, 31 de agosto de 2015

A orixe

O poeta chairego, nado en Outeiro de Rei, era de ascendencia quiroguesa por parte da nai. A ese val e ás terras montesías que o circundan adicoulles un poemario:

Quiroga: fáloche a ti para preguntar
pola perdida raíz da xente miña
que nesta terra viviu e, nela, tiña
asentamento profundo o seu solar.

¿Qué destino feroz ou qué pauliña
puideron, absurdamente, rematar
co seu constante, paciente laborar
e a súa vida ignorada e pequeniña?

Todo camiña á nada, para o olvido,
gravando nos ronseles da memoria
un recordo profundo e dolorido.

E, para poder vivir o xa vivido,
recupero teimudo a propia historia
e déixome perder entre o perdido.

Sonetos ao Val de Quiroga (1988)

domingo, 30 de agosto de 2015

Pequeno divertimento para expert@s

Entre as últimas obras que publicou Manuel María encóntrase un poemario cuxo título é unha evocación doutro clásico seu: é unha invitación do poeta a redescubrir os seus versos nun xogo de autorefencialidade, como pode verse nesta composición:

Análise da máis segura dúbida

Desconfío, dubido, temo
                                         se a miña patria
será como un muíño humildísimo,
resignado e pasivo.
Non lembro o pasado máis remoto,
inquedante e escuro:
unha brétema inocente perdida
non sei onde hai moitos séculos.
De poucas cousas hai lembranza nidia:
                                        ... a vaguidade
dun arado vello e anacrónico
que se revelou contra os bois,
un carro intemporal e cantareiro
carrexando vento para ningures,
unha semente lanzada contra a vida
para proveito de corvos e voitres.
E unha furna.

Brétemas do muiñeiro (2000)

sábado, 29 de agosto de 2015

O home, esa máquina...

Seguindo na liña de crítica con ton retranqueiro, agora van outros versos do Manuel de Hortas cos que expón os fundamentos da natureza humana:

Berro pola liberdade do home

[...] O home é unha máquina de facer esterco
que vai funcionando de xeito regular,
un trebello un tanto estraño e perfecto
ao que incluso se lle poden poñer,
en caso urxente e necesario,
algunhas pezas usadas de reposto:
ollos, ris, corazón,
sen falar aínda da hivernación futura [...].

Cataventos de neutrós domesticados (1979)

venres, 28 de agosto de 2015

E-migrantes felicísimos?

Por desgraza, segue estando vixente esta composición de Manuel María, na que ironiza sobre "as facilidades" que encontran os que teñen que deixar a súa terra:

Oda aos nosos emigrantes

Os emigrantes vanse porque queren:
é xente aventureira que gusta
de cambiar de ar de cando en vez.
Xentes que foxen sen máis nin máis,
que se desarraigan para ollar novos
países, para deprender idiomas,
para ver outros usos e costumes
e contemplar paisaxes que aínda
non coñecen. Non teñen dificultades:
son recibidos cos brazos abertos,
con clara sorrisa fraternal,
con música e foguetes, con festas
na súa honra, traballan cando
queren, cando lles vén ben,
teñen servicio espiritual asegurado,
colócanlles as divisas, habitan
en palacios, comen ben, cando
lles peta van dar unha voltiña
polos eidos natais, en autos
fabulosos, dispoñen de diñeiro
a moreas, os seus fillos son
educados nos mellores colexios.
Os emigrantes son felicísimos
posto que todo o mundo os enche
de atenciós e fanlles a vida
moi amábel. Non é verdade, pois,
que sintan saudades da súa terra.
Se sentiran saudades non irían
tocar o zoco mundo adiante.
No seu país nada lles falta,
máis ben lles sobra todo. Todo.

Odes nun tempo de paz e de alegría (1972)

xoves, 27 de agosto de 2015

O vento, ese tolo

Vendo o día que está, pareceume que esta poesía lle acaía ben:

Égloga do vento namorado

Dende hai moitos anos coñezo e teño
amizade co vento do Cantábrico
que gallopa como un tolo
a Terra Chá, só para pousarse no
cedro lanzal da casa de Hortas.
E alí queda, entre as ponlas:
senlleiro, ferido, namorado,
saloucando o amor romántico
-purísimo e imposíbel- que sente
pola estreliña do luceiro, Venus
perfecta, lonxana, inaccesíbel
que lle dá o seu nidio cintileo:
unha pinga de luz transververada,
marabillosa rosa aberta nos
incitantes espacios siderais ou
tépeda bágoa da noite que se vai.

As lúcidas lúas do Outono (1988)


mércores, 26 de agosto de 2015

Auga e ceo

O verán achégase á súa fin: como non lembrarse do mar, ao que Manuel María lle adicou este poemiña tan sentido

O mar

Ti nunca viches o mar
cos seus berros bruadores,
coas súas escumas de prata,
cos barcos e os pescadores.

-¿Ti nunca viches o mar
a tecer i a destecer
ondas azuis que van
á praia mansa a morrer?

-¿E ti non sabes que o mar
é unha inmensa planura,
auga e ceo, ceo e auga,
maxestade e fermosura?

-¿Ti nunca viches o mar?
¿E sabes que non repousa?
-¡Si nunca viches o mar
non viches ningunha cousa!

Os soños na gaiola (1968)

martes, 25 de agosto de 2015

O oficio de amar

Se o sorriso é quen de iluminar as noites do poeta, que non fará o sentimento amoroso...

Andando lentamente á choiva, ao ar
gastando a vida pouco a pouco:
¡rebéntanos nos beizos un salouco,
no peito sepultamos un cantar!

O noso oficio é só amar, amar, amar,
facer do noso amor ledo relouco,
orballo solermiño e vento louco,
paixón incontrolábel como o mar.

A vida sen amor non ten sentido:
é un ermo baleiro, unha tristura,
un arrepío noxento e corrompido.

De feridas de amor eu vou ferido
pois somentes o amor dura e perdura:
¡nada poden contra el odio e olvido!

Poemas da labarada estremecida, 1981.