luns, 14 de decembro de 2015

Desterro?

Síntome desterrado dentro de min,
mesmo na fronteira do non ser
onde a melancolía se fai mágoa
e a única seguridade é a incerteza.
Ata min chega o mundo externo
como un rumor a penas perceptíbel.
¿Onde está a beleza e a maxia,
fonda e escura, da palabra?
                                            Onde
a paisaxe que un ama e recoñece?
Nada queda xa dos libros sacros.
Un comeza a cavilar sobresaltado
se a vella, amada tribo, non será
só ringleira de sombra e de fantasmas.

Oráculos para cavaliños do demo (1986)

domingo, 13 de decembro de 2015

Mitoloxía galaica contemporánea

Manuel María non deixa espazos vitais percorridos sen poetizar, como pode verse neste poemiña adicado ás tabernas, eses lugares míticos e plurifuncionais, onde o tempo se esvaía... 

Naquela nobres e clásicas tabernas:
Roibás, Arrieiro, bar Salgueiro
-o maragato Santos era o estraño-,
bebíanse os viños do país, amigos
e lizgairos, que non mataban
a sede total e insatisfeita
que cada un de nós leva consigo.
Todas elas eran
unha aberta casa comunal
e tiñan un rumor irrepetíbel
de ventos, abellas e paxaros.

Ritual para unha tribo capital de concello (1986)

sábado, 12 de decembro de 2015

Gaita

Ando a falar en voz de pomba que se desfai en gaita.
Unha voz vella e amorosa que lle naceu a un laio.
Ten unha lenda nena de estrelas e de ventos
que non sei en qué orballo naceu tremelucente.

... naceu tremelucente na gracia pura do luar.
Nunha brisa agarimada de gaivotas.
Nun vento labrego con ledicia de merlos.
No sorriso murcho dun meniño morto.
No cabelo dun anxo que ten violíns por beizos [...].

Na voz da choiva nacida, verso a verso,
núa de esperanza, navegando ao tempo
cun doce amigo que morre no silencio.

Na voz da choiva, alta de asubíos e de chamas,
nun rito arcaico de días e de galos
está deitado o seu soño como vaca que brada.
... como unha silveira que esgaza os chíos dos paxaros
que, cegos de amor, choran baixo a alba...

Así que nace a estrela relouca de ledicia
mentres perugueiros e labregos escoitan o silencio.
Alguén pregunta por unha voz chorosa que se esvae
como unha pomba ferida cunha frecha na alma.

Mar Maior (1963)

venres, 11 de decembro de 2015

Moi a conto nestes días...

Balada contra os que intoxican a terra

Este lar tan amante que pertence a
todos e a ninguén en especial, para
que os homes poidamos habitalo,
traballar e soñar sobre a súa codia,
con teito de estrelas cintilando
no misterio da noite, converteuse
en propiedade duns poucos que
van intoxicando a terra lentamente.
Con diñeiro e maña todo se amaña.

O mundo que nos cobixa, tan carnal,
tan xeneroso e ledo, tan aberto a
calquera que lle pida os seus dons
e lle demande froitos abondosos,
a súa riqueza caudal, a súa beleza
cumplida e xusta, está caendo
baixo a pouta dunhos seres que
van intoxicando a terra lentamente.
Con diñeiro e maña todo se amaña [...]

O libro das baladas (1978)


xoves, 10 de decembro de 2015

Outro espazo máxico

A casa erguida con xisto e cantería,
por obra dos avós, era fermosa.
Aí está: forte, firme, fachendosa
chea de beleza, prestancia e harmonía.

Toda ela é unha lección de xeometría,
unha doce tenrura pudorosa,
unha lareira tépeda, amorosa
e un deslumbrante sol ao mediodía.

A presenza da casa é imborrábel:
unha fonda experiencia que vivín
de maneira fatal e irrenunciábel.

Nesta casa eu nacín, amei, sufrín...
A súa memora, firme e perdurábel,
que lembranza conservará de min?

Sonetos á Casa de Hortas (1997)

mércores, 9 de decembro de 2015

A ferida de lume

Cupido

Inconsciente meniño do carcaxe de ouro:
disparas ao azar as túas saetas
que, nas súas puntas, levan
o mel e o fel, tristeza e alegría,
un lume prodixioso e inmortal
que arde sen consumirse endexamais
e mantén o volcán do noso instinto,
o gozo, a tenrura, o éxtase supremo:
razón da nosa vida transcendendo
á vulgaridade, á morte ou ao esquezo.
Recibín moi gustoso, ouh Cupido,
a fondísima ferida que me fixo
a frecha imparábel do teu arco
e que traspasou o meu ser deixándome
unha chaga vermella como a acendida
rosa en plenitude.
                                Gracias a ti
sométome ao doce imperio da beleza [...]

A Primavera de Venus (1993)

martes, 8 de decembro de 2015

O lugar máxico

O meu cuarto

Eu teño na miña casa
un cuarto so para min:
nel gardo soños sen tasa
e fantasías sen fin.

No meu cuarto hai un balón,
un mecano e máis un tren.
¡E un cabalo de cartón
que gallopa moito e ben!

O meu cuarto é un misterio,
é un mundo pequeniño.
¡E ten morneza de colo
e tenrura de aloumiño!

O meu cuarto é unha illa
no vasto mar da cidade,
¡ouh porto de marabilla,
refuxio da intimidade...!

Mais a miña intimidade
precisa ser compartida.
¡A vida ten que entrar nun
para que un entre na vida!

As rúas do vento ceibe (1979)