Non: o miundo non se amaña nin goberna
sen taberna,
onde un está perna sobre perna,
sen andar camiño,
bebendo dispaciño
o seu neto de viño,
falando cos amigos de vagar
do moito que hai que traballar
e do pouco que se logra colleitar.
Na taberna o tempo pasa decontado
profundando do nado e do non nado,
botando un subastado,
lembrando os tempos de antes,
aos personaxes importantes,
aos tunantes,
e máis aos emigrantes.
Á taberna non se vai soio a beber:
vaise por lecer
e tamén a esquecer.
A taberna é a casa común
de cada un
onde todo é conforme e asegún.
A taberna é unha universalidade
na que a xente se forma de verdade:
quen máis bebe ten máis autoridade.
Na taberna atópase o bo viño do Ribeiro
que é o compañeiro
máis leal e sinceiro.
Se queres conservar a saúde forte e rexa
escoita esta pequena moralexa:
“O mellor bebedor é o que máis mexa.
Para meditar verdades eternas,
mentras terman de ti as pernas,
pilla os camiños que levan ás tabernas.”
Versos para cantar en feiras e romaxes
(1969)
Ningún comentario:
Publicar un comentario