Abríuse en min a alegría docemente
como se abre
a gracia das roseiras polo Maio.
¡É fermoso estar ledo!
É moi bo ir sentindo dentro de un,
brincando como un corzo saltareiro,
o aloumiño gozoso da alegría.
Cando un está alegre o tempo corre.
Pasa o tempo lizgairo
e deixa no corazón
unha maina lembranza imperceptíbel,
sutil e misteriosa.
Estar ledo é ter virxindade e inocencia,
a gracia purísima do neno
e todo o azul de Deus nas nosas maos.
Mar Maior (1963)
Ningún comentario:
Publicar un comentario