Un sinte nostalxia daqueles lentos
solpores de setembro, xordamente
sonoros como un zoar de abellas,
que caían no Miño, dourados
e liviás, enchendo ao noso corazón
dunha dozura morna e sutilísima.
Nós e o mundo éramos o mesmo
esmorecemento solermiño.
E, sen que nos decatáramos, viñan
aos limpos cristais dos nosos ollos,
unhas bágoas tépedas e mornas:
conmovida oferenda ao encantamento
dun misterio case imperceptíbel.
Ritual para unha tribo capital de concello
(1986)
Ningún comentario:
Publicar un comentario