venres, 9 de setembro de 2016

Ritual na Ermida

Cando o vrao é xa un froito moi maduro
e a luz se fai colleita ben cumprida,
no misterio do Val, aló na Ermida,
celébrase un ritual fermoso e puro.

As pampórnigas son canción erguida,
á vez invocación e desconxuro,
para calmar a un fusco deus escuro
inimigo da vide e máis da vida.

O felo encarna o feo, o medo, o mal,
o terror impreciso e tebregoso
que habita no interior de cada cal.

Cumprindo un rito sagro e inmemorial,
o folión, antergo e poderoso,
rebenta, incontíbel, en xente o Val.

Sonetos ao Val de Quiroga (1988)


Ningún comentario:

Publicar un comentario