Fosco Piapáxaro que ollas montes sós
sen roita, sen vieiro nin camiño:
unicamente a voz do Ferreiriño
che dice, mainamente, as súas canciós.
Baixa da serra, rolando a trompicós,
un silencio senlleiro e pequeniño
na procura, cecais, dun aloumiño
pois demórase de máis en Leixazós.
A miña ollada, cansa e temerosa,
por moito que se forza non se afai
nesta brava paisaxe silenciosa.
No Alto do Boi a serra é poderosa:
unha aluciada sombra misteriosa
que sempre se está indo. E non se vai.
Sonetos ao Val de Quiroga (1988)
Ningún comentario:
Publicar un comentario