Verbas a miña nai
Dígoche agora, nai, estas razós
porque quero voltarche
aquelas verbas doces como o mel
que aprendín nos teus beizos
cando neno.
¡Non teño, nai, a túa tenrura!
Eu, que ando empeñado
en ser poeta,
non teño verbas
doces,
sinxelas,
claras,
amorosas,
como as verbas
con que ti me arrolaches,
miña nai.
Cecais sexa tolemia
este tentar apreixar verbas amantes
para che facer con elas un cantar.
Cecais
a vida pobre que vivín
me secou a fonte da tenrura
e por iso estas verbas
son secas como seixos.
Xa ves:
non teño verbas
pero teño un salouco que me enche todo o peito.
Mar maior (1963)
Ningún comentario:
Publicar un comentario