Témolle a Compostela porque fire
a miña dor de home cruelmente,
a miña carne de arxila cantadora,
a miña voz de chío apaixonado.
Eu son home. Sinxelamente home.
Non me lembro xa cando nacín.
Na néboa de Compostela estou empadroado.
Na lembranza da luz habito eu.
... e témolle a esa choiva largacía
que me cae na carne e na conciencia
con vontade de laio non laiado...
Compostela a metérseme nas veas
para escurecer co seu reflexo chumbo
o meu raio de luz tristurendo.
Eu home. Home tan só en Compostela
percurando un vieiro nas estrelas.
¡Un facho de luz con que alumarme,
con que matar eternamente o medo!
Poemas a Compostela (1993)
Ningún comentario:
Publicar un comentario