Hoxe escoitei a un músico facer referencia á triste realidade das galegas e galegos que teñen que desenvolver a súa vida profesional fóra da terra. En concreto, explicaba a ledicia que sentía ao ver chea a praza onde estaba dando un concerto, e máis cando case o 90% das súas actuacións son fóra de Galicia; non puiden deixar de lembrar esta composición do poeta chairego:
Contentámonos con nada.
Falamos en voz baixa
porque non somos quen
de erguer a nosa voz
unha vez soia.
Non somos quen para darlle
forza de trono á nosa voz
e disparala o mesmo
que unha bala.
Somos un pobo lírico
e saudoso, según din
autores sabidos e eminentes.
E debe de ser certo:
os poetas cursis e inocuos
son -somos- premiados
nos xogos florais; son
aplaudidos e reciben
con fondísimo agradecemento,
as migallas, as cativas
migallas que lles tiran,
que lles cospen á face.
Pero aqueles que erguen
valentemente a voz
cantando a verdade núa
- Manuel Curros Enríquez,
Celso Emilio Ferreiro -;
tiveron que coller
e que acollerse
aos arrepiantes
camiños do desterro.
Versos para un país de minifundios (1969)
Ningún comentario:
Publicar un comentario