Asubío e chamada ao vento montañés
Un muiñeiro perdido na cidade
é algo exactamente semellante
a un xílgaro sulagado
nos piagos máis fondos do océano.
Un muiñeiro
-eu, poño por caso,
xa que son polo intre
a persoa que teño máis lonxana-
é algo pintoresco nunha rúa.
A cidade non nos pertence:
é o látego,
a domesticación,
os funcionarios,
a antinatureza,
o veleño que usan contra nós
para exterminarnos
como lobos, ratos ou escaravellos.
As rúas non son regatos,
os bares non son fontes,
os prostíbulos non son turreiros,
os rañaceos non son carballos,
a polución non é a brétema.
As cidades non son nosas:
roubáronnolas hai séculos
e deixáronnos
suburbios e arrabaldos.
Pero nós, nós mesmos sen ninguén,
reconquistarémolas
e faremos circular por elas
con toda a fachenda e liberdade
unha brisa mariñeira
e un vento potente,
inocente, mozo e montañés.
Brétemas do muiñeiro (2000)
Ningún comentario:
Publicar un comentario