Lembro, por Outono, a sementeira,
o paso da xugada, a terra aberta
que recibía unha semente certa:
no agro sería flor e pan na eira.
Era o Outono grata Primavera
de amarelos e brétemas cuberta
entramentras a terra muda e erta
ollaba a serán lenta e tristeira.
Despois de troulear no San Froilán
era xusto a sazón de sementar
e facer pola vida e polo pan.
Nas agras non paraba de trafegar.
¡Cánta ilusión levaba cada gran!
¡Qué fartura de esperanza era outonar!
Poemas ao Outono (1977)
Ningún comentario:
Publicar un comentario