xoves, 23 de xuño de 2016

As lumeiras da tribo

Na perfectísima noite de San Xoán
cada casa da tribo acendía a súa
lumeirada familiar. Cando a noite
era fermosa doncela adolescente
na pequena praciña do concello
ardía a grande fogueira comunal.
A mocidade brincaba sobor
das ergueitas chamas tremelantes
para queimar os lixos interiores
e que o lume purificara
o seu xeado sangue amortecido.
Eran os únicos intres de ledicia
do ano enteiro. Despois chegaba
a xorda monotonía irremediábel
e a xente facía
do seu vivir cotián medo e costume.

Ritual para unha tribo capital de concello (1986)




Ningún comentario:

Publicar un comentario