Responso desesperado
Non abonda a flor,
nin a estrela,
nin a canción do paxaro
cando o po noxento -terra inmunda-
nos enfoula ao longo do camiño sen sentido que
é a vida,
cando nos enfoula a chaga miserábel
que todos temos moi pechada no canto máis
perdido da alma.
(Falo desa chaga cínica que está feita
con todos os pequenos e intranscendentes
segredos,
coas blasfemmias fortes cortadas en flor,
coas mentiras grandes e pequenas disfrazadas de
bondade de algodón,
e co odio que a todos nos arrastra
poderosamente).
Non abonda a flor,
nin a estrela,
nin a canción do paxaro
canto todos ardemos de luxuria,
cando cheos de histerismo e desacougo
nos gustaría maldicir de nós mesmos
e facer moitos crimes para adornar a
existencia.
Non abonda a flor,
nin a estrela,
nin a canción do paxaro
para pechar as feridas que levamos no corazón,
para cerrarmos os beizos cando insultamos a
Deus,
para facernos inútiles cando queremos rachar
os nomes de cartón que nos tolean,
para cando xa non distinguimos o luar dos
luceiros.
Non abonda a flor,
nin a estrela,
nin a canción do paxaro [...]
Advento (1954)
Ningún comentario:
Publicar un comentario