Quixera se muiñeiro
para me enfoular de fariña
¡Levaría branca a pucha,
non cobraría a maquía!
Eu quixera ser ferreiro
pra forxar o ferro roxo.
¡Con un martelo na mao
petaría ao meu antoxo!
Quixera ser mariñeiro,
mariñeiro e pescador:
¡tería un barco veleiro
e unha dorna con motor!
Quixera ser fogueteiro
e, nas festas, patronais,
¡tirar foguetes, foguetes
de estalos fenomenais...!
E se eu fora canteiro
faría un pazo sen igual:
¡o pombal había de ser
o salón máis principal!
¡Mais son un pobre gaiteiro,
mais son un gaiteiro pobre!
¡Quéimacheme o sol no agosto;
móllame a choiva, si chove!
Un pobre gaiteiro eu son,
pequeniño e soñador.
¡Teño por mestre de música
ao melro máis silbador!
Os soños na gaiola (1972)
Ningún comentario:
Publicar un comentario