domingo, 27 de setembro de 2015

O tempo da terra

Traballos de todo o ano

A esfenda e a demouca é en Febreiro.
Bótanse as patacas en Marzo raioleiro
e seméntase tamén o trigo marceiro.

Bótase millo da xente por Abril
cando o cuco saíu do seu cubil;
en Maio longo estará sachado il.

Polos días grandes de San Xoán
cóllese a nabiña, o lume novo fan;
mércanse as fouciñas pra segar o pan.

No mes da Sega o sol pica moi duro,
ó segar o pan, o trigo está maduro;
mes de moito traballo e moito apuro.

Estamos en Agosto: a malla e a gadaña
que quere pouca forza e moita maña;
hai que botar os nabos, se barbaña.

O de Setembro é mes de San Miguel:
apaña de patacas, non hai mes coma el;
é tempo de ver se os trobos teñen mel.

No Outono hai que ir ao San Froilán:
mozos, homes, vellos, nenos, todos van
e voltan de presa para outonar o pan.

Por San Martiño ollo porcos cebados,
os magostos, os capós arrombados
e abrir regos en lameiros e prados.

O tempo de Nadal é frío e ventureiro.
Noiteboa. ¡Se hai leña no unlleiro
chegarán os Reises á entrada de xaneiro!


Terra Chá (1954)

Ningún comentario:

Publicar un comentario